Saturday 27 de April de 2024

O Concello mellora a rúa Santander, nos Mallos, con beirarrúas máis amplas e novas zonas verdes


Os traballos, que comezan hoxe, inclúen a instalación de novo mobiliario urbano e a mellora da rede de saneamento

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe os traballos de mellora da rúa Santander, no barrio dos Mallos. Estas obras enmárcanse dentro das políticas do Goberno de Inés Rey de mellora da mobilidade peonil e urbana nos distintos distritos da cidade.

A rúa manterá a mesma configuración que ten na actualidade, sen variación no número de prazas de aparcamento e na circulación do tráfico rodado. Melloraranse e ampliaranse as beirarrúas, e adaptaranse ás esixencias actuais en materia de accesibilidade. Colocarase novo arboredo na contorna. Tamén se instalará novo mobiliario urbano ao longo da vía e levaranse a cabo melloras na rede de saneamento municipal.

“Continuamos coa mellora progresiva de diferentes rúas da nosa cidade. Neste caso, volvemos actuar no barrio do Mallos, onde tamén están en marcha os traballos de humanización da rúa Ramón Cabanillas, dentro da Rolda Peonil impulsada polo Goberno de Inés Rey”, indicou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego. A mellora da rúa Santander ten un orzamento de 314.000 euros e o seu prazo de execución é de 16 semanas.

Este luns comezaron tamén os traballos de peonalización da rúa Emilia Pardo Bazán, entre Juan Flórez e Marcial del Adalid, no barrio do Ensanche. Esta obra consolidará o proxecto piloto levado a cabo polo Goberno de Inés Rey durante a pandemia, consistente na eliminación do tráfico rodado deste tramo co que gañará espazo para a mobilidade peonil.